“A Aula Formativa do Adestrador Galego” renova convocatoria co Obradoiro CAB como centro de atención

A “Aula Formativa do Adestrador Galego” volve a actualidade co anuncio dunha nova sesión teórica dirixida aos adestradores da nosa Comunidade. A cita está programada para o vindeiro mércores, 24 de abril; en Compostela, da man do Director Xeral do Obradoiro CAB, José Luis Mateo.

Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB retoman a marcha da súa empresa común “Aula Formativa do Adestrador Galego”. En virtude da mesma, a entidade federativa e o club santiagués convocan aos adestradores galegos a participar dunha charla prevista para o próximo 24 de abril, en Santiago de Compostela.

Tras contar para este proxecto cos mellores adestradores galegos do panorama actual, nesta ocasión o club da capital galega será o completo protagonista da sesión, que será impartida polo seu Director Xeral, Jose Luis Mateo; incorporado á disciplina obradoirista no inicio desta temporada.

Procedente do Lucentum Alicante, onde traballou como Xerente e Director Deportivo ACB entre 2009 – 2012, José Luis Mateo atesoura
unha ampla experiencia no ámbito da xestión deportiva, coñecemento que compartirá cos adestradores galegos o citado 24 de abril.

Mateo iniciará a súa intervención a partir das 20.30 h da tarde no Colexio Mayor Rodríguez Cadarso (Plaza Rodríguez Cadarso. s/n. Campus Vida). A materia da mesma será a “Filosofía de club. O Papel do Adestrador”, engadindo así unha compoñente temática máis a este ciclo de charlas da “Aula Formativa do Adestrador Galego”.

Inscrición e Validación
Obradoiro CAB e Federación Galega de Baloncesto volven a ofrecer todas as facilidades posibles para participar desta actividade, cuxa inscrición establécese completamente de balde, so precisando tramitar a mesma a través do envío dos datos persoais de cada interesado a adestradores@fegaba.com

Os participantes, sempre que sexan alumnos dos Cursos de Adestradores de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB, poderán validar a súa presenza nesta charla por un total de 3 horas de formación continua.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram