A “Aula Formativa do Adestrador Galego” regresa en Semana Santa

Carlos Maceiras, adestrador Superior e actual técnico en Blanco Amor Ourense, será o encargado de guiar a nova convocatoria deste proxecto.

O programa “Aula Formativa do Adestrador Galego” regresa á actualidade nestas datas coa programación dunha nova sesión didáctica orientada a todos os técnicos da nosa Comunidade. Contando coa presenza de Carlos Maceiras como temón desta proposta, o vindeiro día 1 de abril, na localidade de Verín, a Área Deportiva FGB organiza esta nova cita coa formación.

O Complexo Deportivo do Pavillón da Granxa acollerá nesa data, a partir das 18:00 h e ata as 21:00 h, a interesante intervención de Maceiras co eixo temático das “Secuencias de ataque colectivo en Iniciación” como referencia.

O Adestrador Superior, habitual colaborador deportivo da FGB en experiencias e actividades deste tipo, compartirá con todos os asistentes a súa notable e traballada experiencia nesta área, da que todos os presentes poderán debater se o desexan.

Inscrición
Respectando o proceder habitual de participación na “Aula Formativa do Adestrador Galego”, os adestradores interesados en tomar parte da sesión do 1 de abril, poden facelo de balde, sempre que o notifiquen previamente (e con data límite no martes, 31 de marzo) mediante o envío dun email a adestradores@fegaba.com (indicando nome, apelidos e data e título da charla).

O proceso de validación formativa para os alumnos dos Cursos FGB permanece activo tamén nesta ocasión, contabilizando a asistencia a esta “Aula Formativa” por un total de catro horas de formación individual complementaria.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram