– Os técnicos galegos Víctor Pérez e César Iglesias serán os protagonistas dun monográfico de “xogo sen balón” a celebrar o vindeiro 30 de decembro en Santiago de Compostela (Pavillón de Pontepedriña).
– A presenza nesta actividade poderá validarse por cinco horas de formación práctica para todos aqueles alumnos dos Cursos de Adestradores de Nivel I e II impartidos pola Federación Galega de Baloncesto.
Obradoiro CAB e Federación Galega de Baloncesto despedirán o ano ofrecendo aos adestradores galegos a posibilidade de participar dunha nova actividade formativa no marco do seu proxecto común “Aula Formativa do Adestrador Galego”.
Por terceira ocasión, ambas as entidades convidan aos técnicos galegos a participar dunha charla téorico- práctica que, neste caso, contará co adestrador axudante do Blusens Monbus, Víctor Pérez; e co técnico vigués, César Iglesias; como referencias.
Pérez e Iglesias guiarán un monográfico sobre “xogo sen balón”. A través da súa ampla experiencia en competición, transmitirán diferentes conceptos dos que poder tomar boa nota: as “Normas Defensivas” no caso de César Iglesias, e os “Exercicios para a Mellora Ofensiva” da man de Víctor Pérez.
Data e Inscrición
A sesión impartirase o vindeiro domingo, 30 de decembro, no Pavillón de Pontepedriña (Santiago de Compostela). A primeira das charlas, a cargo de Víctor Pérez, dará comezo ás 10.30 h. Xa as 12.30 h tomará o relevo César Iglesias coa súa intervención.
A participación nesta terceira actividade da “Aula Formativa do Adestrador Galego” é libre e unicamente é preciso tramitar a asistencia enviando un correo electrónico á dirección adestradores@fegaba.com. No mesmo deben indicarse os datos persoais do interesado.
Remarcar que tanto Obradoiro CAB como Federación Galega de Baloncesto contan para esta iniciativa coa colaboración do Concello de Santiago, ao que agradecen o seu apoio