Peche da temporada 22 – 23 coa Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral FGB puxo o peche esta tarde á temporada 2022 – 2023

Ás 18:00 h do martes, 13 de xuño; en Compostela, A Federación Galega de Baloncesto iniciou a súa Asemblea Xeral 22 – 23, dando cumprimento na mesma á orde do día estipulada, e con 35 asembleístas presentes.

O Presidente FGB, Julio Bernárdez; abriu a mesma realizando balance do traballado e asimilado dende o inicio da nova presidencia e dos inmediatos e futuros proxectos. Pola súa banda, a área arbitral, da man do seu Director Técnico, Miguel Ángel Pérez; así como o informe da área deportiva, que realizou a Directora Xeral FGB; Susana Fernández; centraron tamén o inicio da Asemblea.

Posteriormente, os 35 asembleístas acometeron as importantes votacións e aprobacións relativas ás Modificacións do Regulamento Xeral e Disciplinario, ás Bases de Competición, Calendario de Actividades 23 – 24, as contas anuais e o orzamento.

Así mesmo, realizouse unha aprobación por unanimidade moi especial, a do recoñecemento ao Presidente saínte, Paco Martín; como Presidente de Honra FGB.

Paco Martín, que permaneceu 16 anos ao fronte da FGB ata o pasado mes de febreiro, data das últimas eleccións; únese así a Paco García, o seu predecesor no cargo e tamén recoñecido no seu día con este título.

A Asemblea rematou co agradecemento por parte do Presidente a todos os asembleístas presentes pola súa participación na propia data e por todas as propostas enviadas ao longo dos primeiros meses de traballo da nova xunta directiva.

Normativa e Informe de Actividades

A nova normativa FGB aprobada na Asemblea poderá consultarse en breve.  Pola súa banda, o Informe de actividades 22 – 23 que recolle o balance do Presidente, así como das diferentes áreas de traballo xa está dispoñible.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram