– O día 1 de decembro a partir das 18:00 horas o pavillón Central de As Travesas será o escenario desta celebración.
– Máis de 1.200 deportistas de baloncesto, balonmán e ximnasia rítmica serán os protagonistas da xornada do domingo.
O próximo domingo día 1 de decembro do 2013 terá lugar a Presentación Oficial da Agrupación Deportiva Seis do Nadal – Coia no pavillón Central de As Travesas a partir das 18:00 horas. Esta Presentación de tódolos integrantes da Agrupación coincide coa celebración dos “30 Anos de Historia”, un evento do que se viviu un aperitivo este xoves 28 cunha presentación ante os medios de comunicación na que estiveron presentes Ánxeles Rivela, Directora do CEIP Seis do Nadal; Ana Lampón, Presidenta do ANPA Valentín Paz Andrade; Antón Piñeiro, Presidente do Club Balonmán Seis do Nadal; Julio Rodríguez e Miguel Ángel Pena, membros da Xunta Directiva do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia e Sergio González e Jorge Fernández, Directores Deportivos dos clubs de Baloncesto e Balonmán respectivamente.
Os responsables da organización da Presentación Oficial do 30º Aniversario da Agrupación Deportiva Seis do Nadal – Coia explicaron que a partir das 18:00 horas do próximo domingo se poderá asistir a un acto no que máis de 1.200 deportistas (xogadores, xogadoras, técnicos e responsables) serán os protagonistas da tarde sendo os actuais integrantes da Agrupación Deportiva desde o seu nacemento no ano 1983.
A Comunidade Educativa do CEIP Seis do Nadal informou tamén da presenza do Grupo Musical Weli Kings e o grupo de Gaiteiros e Danza O Fiadeiro que amenizarán un acto de celebración que agarda chear as bancadas do pavillón central de As Travesas. Os responsables do acto informaron tamén que de xeito paralelo ao acto de presentación se levará a cabo unha “Operación Quilo” na que se convidou a tódolos participantes a colaborar como mínimo cun quilo de alimentos.
A rolda de prensa rematou cunha invitación dos alí presentes a todos aqueles que dalgún xeito formaron parte da Agrupación Deportiva Seis do Nadal – Coia (ex-xogadores/as, ex-adestradores/as, antigos alumnos/as, antigos membros da Comunidade Educativa, etc.), coa idea de poder reunir nunha tarde ao pasado, o presente e o futuro do Seis do Nadal – Coia.