A presenza do colexiado ACB na cidade olívica enmárcase no programa Formativo e de Coordinación Técnica establecido polo propio Comité Zonal para esta temporada 2013 – 2014
O colexiado da Liga ENDESA e colaborador habitual do Comité Galego de Árbitros, Jacobo Rial; visitou o pasado martes, tres de decembro, aos responsables do Comité Zonal Vigués, así como a un total de 30 colexiados deste ámbito xeográfico que amosaron grande interese pola súa presenza.
O colexiado santiagués compartiu con eles unha sesión baseada en dous puntos teóricos fundamentais aos que se prestou a debida atención e sobre os que se puideron resolver as dúbidas existentes. Así, os presentes analizaron e debateron sobre a “mecánica do árbitro de cola” e sobre a importancia do quecemento durante os encontros oficiais.
Ao remate da charla, que se celebrou nas instalacións do Colexio San Miguel 2, os colexiados máis novos desfrutaron duns minutos extra con Jacobo, interesados en coñecer detalles acerca do que supón a experiencia deportiva ACB e o día a día que esta conleva.