4º Día do Pequebasket: quenda para as inscricións

Mañá, venres 15 de abril, ábrese o prazo de inscrición para o “4º Día do Pequebasket “. Xa son varios equipos os que confirmaron a súa asistencia, antes da propia apertura formal deste proceso, polo que a Escola Basket Xiria, organizadora; conta superar os inscritos da pasada edición.

Este venres, 15 de abril, ábrese o prazo de inscrición para a cuarta edición do DIA DO PEQUEBASKET. A Escola Basket Xiria espera reunir o vindeiro 17 de maio en Carballo a máis de 600 nenas e nenos de 5 a 8 anos de idade, que gozarán xunto ás súas familias dunha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión.

Ao mesmo tempo que comezan a chegar solicitudes de participación, o equipo organizador do Día do Pequebasket avanza na programación dos distintos apartados da actividade, que ten un marcado carácter familiar e que supón, ao mesmo tempo, unha homenaxe do baloncesto carballés ao Día das Letras Galegas.

O prazo de inscrición rematará o día seis de maio e as solicitudes poden tramitarse xa a través da Federación Galega de Baloncesto, no enderezo electrónico: galicia2018@fegaba.com e a solicitude de inscrición, ao igual que toda a información dispoñible sobre o evento atópase páxina web oficial: www.diapequebasket.es

Nesta cuarta edición, que supón todo un grande esforzo a nivel organizativo e un novo reto, haberá novidades respecto ás actividades lúdicas para a diversión dos participantes e de todo o público en xeral que desexe pasar un día distinto.

A Escola Basket Xiria continúa a aplicar esforzos e agradece a implicación do Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, así como a de todos os patrocinadores do propio Club e dos colaboradores pola boa acollida que dispensan ao “Día do Pequebasket”.

4º Día do Pequebasket – Formulario de inscrición

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram