O 3on3 Carneiro ó Espeto celebrou na xornada do mércores un dos momentos máis especiais para o pobo de Moraña. A presentación do evento foi a posta en marcha dun torneo que vivirá o seu momento máis álxido este venres, coa celebración de máis de 80 partidos e a participación de ao redor de 150 xogadores que vibran cunha modalidade que recentemente foi nomeada olímpica.
A Casa da Cultura A.D.R. Castelao albergou, como xa é tradición, un acto que arrincou cunha benvida en forma de vídeo cos highlights do evento e do padriño desta edición, Jordi Aragonés. O acto estivo presidido por María Luisa Piñeiro Arcos, que non dubidou en destacar as calidades deportivas e humanas dun padriño que desde fai anos está vinculado a Moraña e a diferentes actividades que teñen como obxectivo a promoción do baloncesto. Tamén tomaron parte do mesmo Víctor Fernández, Director do II Circuíto Galego de 3×3, quen destacou “a solera, o alto nivel organizativo que tendes en Moraña e o interese por formar parte dunha iniciativa que arrincou o ano pasado e que xa conta con oito sedes”.
En representación da Federación Galega de Baloncesto acudiu Jacobo Rial, árbitro da Liga Endesa desde o 2009 e xefe de estudios da Escola Galega de Árbitros. Rial puxo en valor o espírito do propio xogo e recordou que os árbitros tamén son deportistas e que polo tanto gozan deste tipo de eventos.
O momento máis esperado chegou coa subida ao estrado de Jordi Aragonés. Nacido en Santiago, pero vilagarcián de adopción, este preparador físico militou no A.D. Cortegada, Perfumerías Avenida de Salamanca, Wisla Cracovia e é o preparador físico dunha selección que se proclamou campioa do Eurobasket, subcampioa do mundo e subcampioa olímpica en Rio.
O “padriño”, como xa o bautizou a organización, puido gozar de varias sorpresas entre as que destacaron os vídeos en forma de saúdo de Lucas Mondelo e César Rupérez (Seleccionadores Españois), Sara Gómez (Xogadora LF2) e Javier Llorente (Padriño 2016). Jordi desgranou a súa traxectoria profesional aludindo a anécdotas en cada un dos sitios nos que estivo ata chegar a Cracovia. Destacou a figura de J.I. Hernández como alguén clave no seu desenvolvemento profesional e mostrouse orgulloso de poder portar o título de padriño durante o próximo ano: “é un motivo de orgullo que un evento como o 3on3 Carneiro ó Espeto, que leva dezasete edicións ininterrumpidas, se acorde de min e estou moi agradecido a todo o pobo de Moraña polo recibimento. Se botamos a vista atrás, hei de dicir que sodes uns visionarios, porque apostastes por unha modalidade que estando en auxe actualmente, era completamente descoñecida fai dezasete anos.”
A gala pechouse coa entrega de diferentes agasallos de parte do Concello de Moraña, A.D.C. Espeto, Termas de Cuntis e Tiro Libre SCQ. Jordi Aragonés mostrouse sorprendido e agradecido ante as mostras de agarimo por partes de todos os que organizan este torneo. Unha foto de familia con membros da organización e patrocinadores puxo o peche a un acto que volverá a repetirse en 2018, co torneo superando a maioría de idade. Ao finalizar, foron varios os curiosos que se fotografaron coas medallas que Jordi posúe e que quixo compartir cos asistentes.