32 colexiados galegos para a “Vilagarcía Basket Cup Future Stars”

Abril anúnciase repleto de actividade para o Comité Galego de Árbitros. Se en terras andaluzas haberá que estar atentos ao papel dos nosos representantes no Campionato de España de Seleccións de Minibasket, Saray Fornos e Adrián Iglesias; máis preto da casa, en Vilagarcía, unha nutrida representación do CGAB ten tamén reservada a súa parcela de traballo.

Será os vindeiros 5 e 6 de abril, da man da Vilagarcía Basket Cup Future Stars, competición infantil, cadete e júnior, masculina e feminina, a celebrar no marco da XVII edición da Vilagarcía Basket Cup, e na que se congregarán, designados polo CGAB, un total de 32 colexiados.

A esta altura da temporada, na que o traballo e o proceso evolutivo de cada un deles están a ser evidentes, o Comité Galego de Árbitros convócaos para realizar unha xornada de avaliación, enmarcada á súa vez nas tarefas de formación continua que se veñen realizando dende o mes de outubro baixo a supervisión de Miguel Ángel Pérez.

16 colexiados por día de competición. Así está estipulado o reparto para esta Vilagarcía Basket Cup Future Stars, toda unha ocasión á súa vez de ollar a grandes canteiras de xogadores sobre a pista, materializadas polos 48 equipos en liza (oito por categoría).

Realizando a labor de supervisión e control dos 32 colexiados designados permanecerán catro técnicos do CGAB: Diego Domínguez, Fernando Gallego, Juan Carlos Rey e Francisco Guillamet.

“Vilagarcía Basket Cup Future Stars” – Designacións Arbitrais.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram