Deporte Galego

Miguel Méndez: "Eu o que ofrezo é dar o mellor de min mesmo cada vez, é algo tan natural como iso"

  • 30 Setembro 2021 |

Días despois de coñecer a gran nova que sitúaba a Miguel Méndez como novo Seleccionador Absoluto Feminino, achegamos a conversa que quixemos manter con el para trasladarlle os parabén de todo o Baloncesto Galego e para seguir aprendendo dun dos técnicos máis laureados do Baloncesto feminino que segue a incluírse entre o grupo dos adestradores "mortais" e que non esquece que na "ilusión" como o motor principal do traballo e na volta á "canastra pequena" está o xerme de todo.

 

- A selección feminina absoluta é un reto de máxima esixencia, como aos que xa estás máis que afeito. Pero neste caso, Cambian as sensacións? Hai máis vertixe? Como o afrontas?

É un paso máis por suposto e estamos afeitos a outra cousa. A selección absoluta é diferente, tes pouquiño tempo para preparala. Son momentos moi puntuais do ano, depende moito de todo, das lesións, do momento no que cheguen as xogadoras, dos cansazos despois da tempada. É un traballo completamente diferente ao que estamos afeitos a traballar nos clubs onde tes moito máis tempo para montar todo, para desenvolver ao equipo, para desenvolver as túas ideas. É absolutamente diferente pero isto é o que o fai que sexa algo moi atractivo.

- Esperabas que esta aventura nacional chegase neste momento xusto da túa carreira? Tiñas esa expectativa en mente tan próxima?

Non, precisamente por iso tardamos un pouco en avanzar, porque non mo esperaba nin creo que se esperaba neste momento: Primeiro, a selección estaba a vivir un bo momento a nivel de resultados nos últimos oito ou dez anos e eu viña de renovar co meu club, asinando dous anos máis. Adestrar a un club da presión e da grandeza que ten Ekaterimburgo non é fácil compaxinalo con outras cousas. E todo isto fíxome darlle voltas a todo porque era algo, obviamente, que non esperaba. Pero cando o que pensas, o que razoas, o que tratas de facer da forma máis cognitiva posible súmase ao que sente o teu corazón cando cho propoñen, fai que todo sexa máis fácil.

 -A túa traxectoria como adestrador caracterízase por saber elixir os pasos no tempo e a dirección adecuados. Que pesou máis neste caso para tomar a decisión?

Eu creo que para poder aceptar un traballo alguén ten que ofrecercho, iso para empezar. Non hai moitos adestradores no mundo que poidan elixir os sitios os que queren ir no momento que queiran ir. Nós normalmente, "os mortais" o que temos que facer é esperar a ter a posibilidade de ir. Si que é verdade que eu, durante a miña carreira deportiva, tiven a sorte de poder elixir, sobre todo as persoas para as que traballo. Eu creo que iso si o podemos elixir todos os adestradores. Non todos os adestradores, insisto, poden elixir o sitio onde van pero si que todos os adestradores poden elixir onde non van e eu creo que esa capacidade de elección sempre a tiven clara: en que momento, en que clubs e con que dirixentes quería traballar. Iso é verdade que si o elixín. E nese sentido tiven moita sorte, tanto nos meus inicios no colexio, no baloncesto masculino despois ou cando cheguei ao baloncesto feminino da man de Paco Araujo, en Rivas con José Juanas e toda a súa xunta directiva, logo en Italia con Cestaro e agora mesmo con Igor G. Koudryashkhin e con Maxim RYABKOV, que son a xente que leva Ekaterimburgo, tiven moita sorte nos dirixentes. E eu creo que tamén chego nese momento bo á federación. Con Jorge Garbajosa teño boa relación e teño un bo feeling, e co director deportivo, Jose Ignacio Hernández, tamén; por tanto iso si que o elixo e, nese sentido, eu creo que eles poden estar á altura dos dirixentes que nomeei.

- Na túa presentación como seleccionador sinalabas o “dicir sempre a verdade ás xogadoras” e “tratar de ser o máis natural posible” como dúas das referencias principais para a tarefa de “xestionar un grupo” Seguindo estas guías, se a día de hoxe pedímosche elixir unha clave que defina a xestión de ese equipo novo que vas liderar, cal sería?.

Eu por riba destas dúas, creo que é complicado. Estas, que parecen non ser moi importantes, para min o son todo. Algo tan sinxelo como non contar mentiras pois non sempre se leva á práctica. Eu non sei se digo a verdade, o que si digo é a miña verdade e non conto mentiras, e trato de dar os pasos pois sendo o mais natural posible... Síntoo por repetirche as dúas pero, equivocarse ou acertar - porque todos nos equivocamos e acertamos - cando se fai dunha forma natural e sen contar mentiras, pois o grupo que xestionas perdóache os teus erros. Eu o que ofrezo é dar o mellor de min mesmo cada vez, é algo tan natural como iso. E por iso as miñas xogadoras, o meu corpo técnico, a xente que traballa conmigo perdóame os meus erros, que cometo moitos. Eu creo que cando o fas dunha forma natural é máis fácil que che perdoen.

- Chegado este novo punto de inflexión, con tan altas cotas conquistadas, acórdache especialmente dalgunha das persoas que che encamiñaron, alá por inicios en Vigo, a gozar do baloncesto?.

Acórdome de moitos, claro que si. É imposible facer este camiño só, hai moitísima xente que me axudou. De feito, Sempre digo que son un home moi afortunado en xeral, porque me acompañaron grandes persoas, empurráronme e ensináronme o camiño moitas. Non quero nomear a ningunha porque hai moitas. Desde o colexio, xa que tiven a sorte de que os meus pais mandáranme ao colexio e en Maristas aprendín moito, espertáronme o verme do baloncesto e toda a xente que naquel momento en baloncesto estaban alí seguen estando ao meu lado. Son os meus amigos e nunca deixamos de vernos a pesar de que levo dez anos vivindo fóra de España, pois sempre atopamos momento para vernos, para falarnos ou para estar en contacto absoluto. Esas son as raíces, eses son os meus valores e a miña familia de verdade, a miña familia de sangue, a miña muller, os meus fillos, a miña nai, os meus irmáns, etc., e a miña familia "postiza" do colexio e dos que empezaron comigo no baloncesto están sempre comigo. Iso non cabe dúbida.

- Que é aquilo -unha idea, unha filosofía, un modo de facer- que aprendiches neses primeiros anos de baloncesto en Vigo e que che levas contigo inseparablemente a cada partido, a cada equipo, e agora á Selección?.

Sei que son un pouco aburrido nisto e non podo darche grandes titulares, pero todo o que fago ten que ver cos meus inicios, todo do que falabamos antes. Á hora de xestionar, á hora de comportarme, á hora de falar ao meu entorno e ás miñas xogadoras ten que ver co que son. Eu son este, non son unha persoa diferentes na vida civil, digamos, que na vida profesional. Son a mesma persoa e por tanto todo o que mamei desde pequeno, na miña familia e nos meus inicios iso é o que son”.

- A día de hoxe, baloncestisticamente falando, Sénteste profeta na túa terra? Chégache todo o recoñecemento, o agarimo?.

Si, non sei se profeta na miña terra porque son palabras maiores, pero si que noto o agarimo da xente. Da miña xente, por suposto, e da xente de a pé coa que me relaciono. A verdade é que estes días foi un aluvión o de mensaxes e de chamadas de xente á que levaba tempo sen ver, de xente á que vexo constantemente, de todos. E non só xa de vós, a federación, ou da xente que está comigo, senón tamén por parte da Secretaría xeral, cuxo secretario recibiume este verán e foi moi amable comigo, entregándome un placa, ou desde o concello no que tamén están moi pendentes de min, outorgaranme varios premios nos últimos anos e sempre algún recoñecemento público. Estou moi contento. Xa digo: Profeta non, pero moi querido si que o noto.

- O baloncesto feminino galego grazas ao traballo meritorio dos nosos clubs, pode levar a cabeza ben alta no momento presente. Que perspectivas crees que alberga esta nova tempada 21 - 22?.

Eu creo que o baloncesto galego foi ao longo da historia e vólveo a ser agora unha potencia absoluta en categorías de formación e en categorías absolutas, en categorías profesionais. Estamos moi ben representados tanto polo Ensino Lugo que fixo un primeiro bo partido en Italia, indo á actualidade, e conseguindo o que pode ser un bo resultado para pasar de rolda. Baxi Ferrol tamén está aí e seguro que ten as vimbias para facer unha moi boa temporada. E despois temos tanto en Liga Challenge como en Liga 2 moitos equipos, moitos adestrados por mulleres, ou algúns adestrados por mulleres, que eu creo que tamén hai que destacalo. Temos moi boas adestradoras e eu creo que cantas máis mulleres se sumen a isto moitísimo mellor. Por tanto eu creo que somos unha punta de lanza importante dentro do Baloncesto Feminino Español.

 María Araujo, Paula Ginzo, Tamara Abalde, Raquel carreira e varios nomes máis, por sorte para nós, tiveron e teñen presenza nas diferentes categorías de seleccións FEB. A pregunta, para nós xa case un desexo, é inevitable. Haberá espazo para o talento galego no novo proxecto da selección?.

No novo proxecto da selección, como sinceramente creo que o había tamén antes, eu creo que hai espazo, claro que hai espazo. Varias destas xogadoras xa son algunhas delas importantes no equipo nacional e na miña mente está darlle continuidade ás boas xogadoras que hai a nivel galego, por suposto, e obviamente a nivel español. Eu creo que moitas delas se o seguen facendo ben nos seus clubs e seguen coa progresión que teñen, xa que algunhas son moi novas, seguirán tendo o espazo que xa tiveron.”

- Es un referente para moitos adestradores e adestradoras ao máis alto nivel, pero tamén un reflexo para aqueles que traballan coa base (faceta de profesor) ou que están a se iniciar como técnicos. Neste momento, desde o teu novo cargo, como Seleccionador Absoluto, que mensaxe gustaríache enviarlles?.

A mensaxe é que a ilusión sempre é o que che ten que levar adiante. A mensaxe é traballar a partir da ilusión, fomentar o traballo en equipo, volver á canastra pequena. Eu ultimamente en todos os cursos cada vez repítoo máis, aí está a base de todo. Eu creo que a canastra pequena temos que coidala, temos que consentila e é traballo de todos, dos directivos e por suposto dos formadores e dos adestradores o darlle todo agarimo á canastra pequena. Dígoo unha vez máis: canastra pequena. Aí imos, con todos os esforzos. Eu creo que iso é o que temos que ter en conta todos os adestradores.

 

volver arriba

Colaboradores Institucionales

 Concello de Santiago LOGO NON  Captura de pantalla completa 30032016 181327  158573631 3698522630239682 385709146731840444 n concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652    dgan
lugo

logo-deputacion-ourense

 

logo DEPUTACION PONT Deputación da Coruña logouvigo
 

 


   

Colaboradores FGB

  balon oficial 

gadis

 

ence