Deporte Galego

Posta de longo para o “XIX 3on3 Carneiro ó Espeto”

  • 17 Xullo 2019 |

Falar do "3on3 Carneiro ó Espeto" é falar de espectáculo dentro e fóra da pista. A organización encárgase verán tras verán de traer á localidade pontevedresa de Moraña a figuras do baloncesto nacional e internacional. Nomes como Moncho Fernández, Nacho Martín, Tamara Abalde ou Sergi Quintela son só algúns deles. E nesta edición, que terá lugar o vindeiro 26 de xullo; o nome de Blanca Millán únese á lista de estrelas que dan brillo á particular constelación do Carneiro ó Espeto.

Nun breve pero espectacular acto moderado polo xornalista da TVG Terio Carrera, a organización do evento, encabezada por Saúl Ares, deu a coñecer os detalles da edición deste verán, sen perder de vista o próximo, data na que a actividade cumprirá dúas décadas de vida.

Ao acto acudiron representantes do baloncesto autonómico entre os que se atopaba José Manuel Castelao, responsable das relacións cos clubs nas Delegacións de Arousa e Santiago da Federación Galega de Baloncesto. Castelao destacou a figura de Blanca Millán recordando os seus inicios no Colexio Peleteiro, á vez que reiterou o compromiso da federación con este tipo de eventos.

FEGABA

Tras o visionado dun vídeo das mellores xogadas da tempada da madriña, Terio Carrera entrevistou a Blanca Millán, nomeada mellor xogador de conferencia e membro do mellor quinteto da tempada. Blanca desvelou que na súa tempada sénior espera render ao mesmo nivel que nas anteriores dúas campañas, para aspirar ao Draft da WNBA e disputar a mellor competición do baloncesto mundial. A santiaguesa tamén destacou que, de conseguir o título de conferencia, sería un feito histórico ao repetir vitoria por terceira tempada consecutiva. Blanca tamén abordou a súa recente experiencia realizando unha etapa do camiño de Santiago en compañía de Amaya Valdemoro: “un referente para min como a mellor xogadora do noso baloncesto e que ademais me deu moi bos consellos”.

Pechou o acto María Luisa Piñeiro; a rexedora do concello morañés, agradeceu á organización, ás entidades colaboradoras e á madriña pola súa disposición para estar en Moraña. A alcaldesa tamén repasou o intenso programa dunhas festas gastronómicas que celebran o seu quincuaxésimo aniversario neste 2019.

Como vén sendo habitual, tanto as entidades colaboradoras, como a organización e o concello entregaron numerosos obsequios á embaixadora durante o próximo ano dun evento que non deixa de crecer.

volver arriba

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago  Concello de Tui  Captura de pantalla completa 30032016 181327  cropped LOGO REDES 7 concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652 porriño  
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
logo aneto logo special olympics galicia 2 shuka