Un equipo de 'primeira división' para formar a adestradores e xogadores

Mércores, 21 Xuño 2017 15:41

A Fundación Aíto García Reneses celebrará por primeira vez en Galicia dous dos seus campus. As citas desenvolveranse na cidade de Ourense (Pavillón Universitario) do 26 ao 30 de xuño.

Un equipo de 'primeira división' para formar a adestradores e xogadores (Foto: Universidade de Vigo)

Como “unha oportunidade única” para adestradores e xogadores de baloncesto interesados en mellorar a súa formación aprendendo “dun elenco inigualable” de docentes. Deste xeito presentouse este mércores no campus de Ourense o Campus de Formación para Adestradores Galicia 2017, que por primeira vez organizará en Galicia a Fundación Aíto García Reneses, contando para elo coa colaboración da Universidade de Vigo e a Federación Galega de Baloncesto. Aproveitando a presenza de adestradores de primeiro nivel no eido estatal, a actividade complementarase coa celebración nas mesmas datas dunha formación para a mellora individualizada de xogadores e xogadoras sub23.

Convocatoria para adestradores e adestradoras
O Campus de Formación para Adestradores Galicia 2017. Fundación AGR, destacouse na presentación, contará cun equipo docente de primeiro nivel e a supervisión do propio Aíto García Reneses, que está previsto que participe na última sesión da actividade. Dirixida polo técnico galego do Joventut Badalona (ACB), Diego Ocampo, a formación será impartida Carles Durán, adestrador do Bilbao Basket (ACB); Paco Redondo, adestrador axudante do Real Madrid (ACB); Miguel Ángel Ortega, seleccionador U18 Feminino e adestrador de Perfumerías Avenida; Tito Díaz, ata esta tempada adestrador do Basquet Coruña (LEB Ouro), e Gonzalo García, adestrador do Club Ourense Baloncesto.

Durante os cinco días de intensa formación e apoiados por un nutrido conxunto de técnicos galegos, os docentes deste campus trasladarán aos asistentes a súa experiencia e coñecementos cos obxectivos concretos de mellorar o seu coñecemento do adestramento e do xogo, a súa capacidade de observación, de análise de xogo e de actuar de maneira crítica ante a información e a súa avaliación do rendemento de xogadores e equipo, ademais de incrementar o uso e aplicación de novas tecnoloxías.

A calidade deste panel de formadores e a oportunidade que representa acoller en Galicia a celebración destas actividades foi recalcada durante a presentación este mércores no Pavillón de Deportes do campus de Ourense polas autoridades e técnicos presentes. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou que esta iniciativa se enmarca na aposta que desde a universidade se fai polo baloncesto e fixo fincapé en como “será un luxo” contar con estas iniciativas tendo en conta que Aíto García Reneses “o foi todo no baloncesto”. Segundo explicou Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, a oportunidade de acoller estes cursos intensivos xorde froito da traxectoria que ten o campus na formación en baloncesto, xa que cada ano se viña celebrando por estas datas un clínic deste deporte.

Pola súa banda, Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, destacou o seu desexo de que esta edición 2017 dos campus teñan continuidade no futuro e recalcou como estas iniciativas permiten que “o adestrador galego teña acceso a unha serie de profesores para que vaian mellorando os seus coñecementos”, formación que, recalcou, redunda finalmente na calidade de xogo dos deportistas e do deporte en xeral. A relevancia desta cita para o deporte galego e ourensán tamén foi subliñada por José Luís Pérez, responsable federativo dos clubs de Ourense e Vigo, e Carlos Colinas, director técnico da Federación Galega de Baloncesto.

Convocatoria para xogadores e xogadoras sub23
De xeito complementario á formación para adestradores e aproveitando a presenza en Galicia do panel de docentes que nel participan, tamén se celebrará en Ourense e nas mesmas datas, do 26 ao 30 de xuño, un Campus de Mellora Individualizada para Xogadores Sub23 Galicia 2017- Fundación AGR. A iniciativa, que terá lugar no pavillón universitario e nas instalacións do Colexio Salesianos, celébrase co obxectivos de crear e fomentar a formación continuada como eixe do desenvolvemento persoal e profesional, potenciar o tiro tanto en uso como en execución técnica e integrar técnica-táctica individual defensiva como parte da bagaxe de cada xorgador ou xogadora. Coa supervisión tamén de Aíto García Reneses, o panel técnico estará formado por Diego Ocampo, como director, Carles Durán, Paco Redondo, Antonio Pérez, Miguel González e Fernán Varela. Os adestramentos neste campus serán en horario de mañá e tarde en grupos de cinco xogadores como máximo. Trátase, explicou Carlos Colinas, “dunha actividade complementaria” que colle parte dos seus docentes do campus de adestradores co obxectivo de mellorar a formación de xogadores e xogadoras de 18 a 22 anos.

Formación

Novas máis vistas

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago         Concello de Tui       Captura de pantalla completa 30032016 181327

 

 

 

  

concello novo 

Captura de pantalla completa 28042016 194652

porriño  Captura de pantalla completa 08112017 105358 
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
 logo aneto  logo special olympics galicia 2 325 

© 2017 Federación Galega de Baloncesto

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación e ofrecer contidos e publicidade de interese. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa Política de cookies. Máis información sobre a nosa política de cookies consulta o noso Aviso Legal.

Acepto as cookies

F.G.B.